A educación para a paz comeza na casa |
| A educación nos
valores cívicos, democráticos e convivenciais pódese difundir coa elección de xogos
axeitados |
Fecha: 23/12/04 Fuente: SGEP |
No comezo do Nadal, o
Seminario Galego de Educación para a Paz fai un chamamento a pais e nais, educadores e educadoras, para que contribúan co seu consello e
análise, a difundir os valores dunha Cultura de Paz no momento de adquirir os xogos para
os menores. Educar para a Paz significa
difundir, co exemplo, os valores cívicos e democráticos, os dereitos humanos, a
igualdade de homes e mulleres, a tolerancia, a paz e a interculturalidade, principios
consagrados na nosa lexislación e que, moitas veces, son violentados tanto pola
publicidade como por numerosas propostas de xogos e de xoguetes que chegan ó mercado. Nenos e nenas, como
consecuencia da presión publicitaria, interpelan directamente a pais e a nais,
demandando, cando non esixindo, os xogos e os xoguetes máis publicitados, con
independencia do seu valor educativo, do seu custo, e da súa idoneidade. Neste senso o Seminario Galego
de Educación para a Paz reitera, a importancia de que pais e nais tomen conciencia da
súa responsabilidade e axuden a compartir cos seus fillos e fillas a idea da
incompatibilidade dos principios citados anteriormente cos xogos e xoguetes sexistas,
violentos ou sofisticados. Os anuncios televisivos
dirixidos directamente ó público infantil, con carácter xeral, son grandes difusores de contravalores, de
estereotipos sexistas, da violencia e da
pasividade. Moitos dos xogos, videoxogos e xoguetes máis demandados están cargados de
racismo, xenofobia, sexismo e violencia, tal e como denuncian distintas asociacións de
pais, consumidores, de protección dos dereitos da infancia, ONG, etc. Moitas persoas pensan que a
educación nos valores cívicos, democráticos e convivenciais son patrimonio da escola ou
das institucións educativas oficiais ignorando a relevancia da función educativa da
familia, co seu exemplo, co diálogo e a comunicación, cos afectos e os sentimentos, así
como do enorme valor educativo das cousas pequenas, dos comportamentos e das actitudes
máis habituais na vida diaria. Nesta época do ano débese
reforzar, tamén, e non contradicir, cos xogos, videoxogos, xoguetes, libros, música,
etc. que se mercan os valores que todos e todas dicimos compartir.
|